domingo, 16 de abril de 2017

Son todo o que non podes ver.

Unha sucesión de persoas pasa diante de ti, unha cara tras outra aparece ao teu carón, e ningunha te atrae o suficiente como para aguantarlle a mirada máis de dous segundos. Faces vacías de expresión, de vida. Buscas pero non atopas, miras pero non ves. De súpeto, diante de ti estou eu. Non te confundas, non andaba buscándote, simplemente vagamos polo mesmo camiño. Escoitas a miña voz e os teus ollos non poden apartarse dos meus beizos. Dende arriba e cara abaixo percorres o meu exterior: centímetros de pel que agochan o que realmente son, que agochan a profundidade do meu ser. Cando ergo a miña cabeza e cruzamos as nosas miradas cres que acabas de sumerxirte dentro de min, que a conexión é total. Cun aceno achégaste a min e, despois de palabras valeiras, podo por fin escoitar clara a túa voz. Será real a conexión? Ábrome a ti. Espida de metáforas. Acto tras acto, intúes os meus sentimentos,  e chegas a crer que estás preto do meu pensamento.
Que errado estás! Que lonxe estás!
Síntome obrigada a facerche entender a verdade: non son o que pensas de min, nin o que cres que sabes de min, nin o que che fago sentir cando falo, escoito ou sorrio. As ondas do meu cabelo non confesan os segredos que gardo. O meu sorriso non agocha o último pensamento que tiven cando marchaches. Non sabes o que pasa pola miña mente cando rozas a miña pel. Sintoo, por moito que o intentes, nunca saberás o aspecto que tes nos meus soños, nin intuirás a culpabilidade da miña mente cando o teu rostro se torne serio.
O único que coñeces de min é a miña pel e é unha mágoa, porque eu son todo o que non podes ver.

No hay comentarios:

Publicar un comentario