domingo, 21 de mayo de 2017

De que falamos cando falamos de amor?

Doulle voltas á cabeza pensando en ti, pensando en min, pensando en nós. Será amor? Fago a pregunta na miña cabeza porque teño medo a pronunciala en voz alta, a preguntarlle a alguén que non son eu o que sinto realmente. E sinto como doe a indecisión, a confusión, como doe estar perdida. Xunto, separo, toco e fago forza coas miñas mans mentres contemplo o teito, o chan e a paisaxe que hai trala ventá. E na miña mente estás ti, ti comigo, ti sen min mentres te observo. Ti pasando o tempo comigo, ti sorrindo mentres falo, ti escoitándome, ti bicándome. Ti facéndome sentir a gusto. Sempre ti, aínda sen estar comigo.  

Cando volvo estar o teu lado a miña mente sigue divagando. Non podo desfacerme da pregunta mentres me tocas, mentres me miras. Sabes que algo pasa pero sigues sorrindo. A seguridade que sentía mentres contemplaba o teu rostro non se asoma polo meu corazón. O sol despunta no ceo e ilumina a túa cara. Eu estou na sombra. Cando case consigo desfacerme das dúbidas marchas e eu dou a volta. E mentres me alonxo cos pés rotos sinto unha angustia que se me acumula no peito. Non podo case respirar cando se me acumulan as bágoas nos meus ollos e acaban escorregando pola miña face. Nun intento de quitalas extendo a humidade polas miñas meixelas e miro como se vai agochando o sol que fai un anaco estaba sobre ti. Reparo no banco que hai o meu carón e sinto unha necesidade imperiosa de contemplar o solpor sentada. Deben quedar 5 minutos para que me rodee a escuridade. Non hai ninguén, só silencio. Silencio e os meus pensamentos. Case é como estar contigo pero sen ti. Pecho os ollos. 

Cando os volvo a abrir estou sumida na escuridade. Non sei canto tempo pasou pero non hai rastro algún do Sol. Mentres me ergo chego á única conclusión válida do día: mañá sairá o Sol. E mentres camiño pensando nesa seguridade sei que cando volva saír sairá con el a mesma pregunta. Porque eu non sei de que falan cando falan de amor. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario