Se tivese sentido coma ti podería terme odiado, podería terme botado as culpas da decadencia dunha época de esplendor. Se tivese sentido coma ti podería quererme e odiarme a partes iguais. Se tivese sentido coma ti, podería terme dito cousas que sabías que me farían dano, que me romperían por dentro. Se tivese sentido coma ti podería terlle falado mal de ti a quenes me rodeaban, facerlles crer que non che doía, que era mala.
Non sentía coma ti e puiden obrar diferente, puiden ser diferente, sen embargo, escollín actuar coma ti.Puiden odiarte durante horas para volver a quererte durante uns segundos. Puiden botarche as culpas e logo redimirte das penurias porque o final, eu tampouco era inocente. Puiden romperte por dentro. Puiden e quixen. E logo o arrepentimento mudou en dor e a dor mudou en pena. Puiden dicir que me doías, que che doía e sen embargo, dixen moito máis. Nunca tanto como o que pensaba.
Se sentise coma ti, podería perdoarme, volver a escoitarme e incluso aceptarme.
Se sentise coma ti podería mudar de pel e de opinión, quitar as máscaras e as bágoas do tempo sen falta de presión. Se sentise coma ti todo se trataría de segundos, de xuntar un anaco de pel.
E sen embargo, quizáis sinta coma ti. Quizáis poida perdoarte e escoitarte do mesmo xeito, aceptar a túa evolución do mesmo xeito. Quizáis non sinta presión por facelo pero quizáis sí queira facelo. Quizáis non se trate de xuntar un anaco de pel, quizáis nunca se tratou diso, quizáis a incognita resida na nosa empatía e no noso sentir.
Se sentise... se tivese sentido... e se...
No hay comentarios:
Publicar un comentario